Inicio

imagen_intro

“DepoEmprende na escola” é un proxecto educativo impulsado pola Deputación de Pontevedra, dirixido ao alumnado de 4.º, 5.º e 6.º de educación primaria e ao de educación especial, no que se utiliza a metodoloxía do proxecto “Emprender en mi escuela” (EME) da Cidade Tecnolóxica Valnalón.

Durante o curso escolar as alumnas e alumnos crean e xestionan unha cooperativa na que fabrican produtos que venden unha vez ao ano nun mercado ou nunha feira da súa localidade. O proxecto favorece o desenvolvemento de competencias asociadas á comunicación, á análise da contorna física, á creatividade, á convivencia e á cidadanía, ou á alfabetización dixital.

Para poder levar a cabo este programa educativo en cada centro, realizaranse accións formativas para o profesorado, que terán o recoñecemento por parte da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia (segundo o convenio asinado para tal efecto pola Consellería e a Deputación de Pontevedra), que, así mesmo, incorporará este proxecto de formación ao Plan Eduemprende e desenvolverá as seguintes actuacións:

  1. Convocatoria dos cursos incluídos no programa de formación
  2. Colaboración no desenvolvemento do programa, na selección dos participantes, no seguimento das actuacións e na difusión e transmisión destas a todos os centros de Galicia
  3. Recoñecemento, certificación e rexistro dos cursos propostos a través do Centro de Formación e Recursos de Pontevedra
  4. Creación dun apartado específico no enderezo web edu.xunta.es/fp/eduemprende, no que se recollerá toda a información xerada neste programa

Este proxecto educativo, que de forma transversal se desenvolve nas diferentes áreas de coñecemento do currículo de primaria, facilita a adquisición de todas as competencias básicas identificadas pola Unión Europea:

  • Competencia en comunicación lingüística
  • Competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía
  • Competencia dixital
  • Competencias sociais e cívicas
  • Conciencia e expresións culturais
  • Competencia para aprender a aprender
  • Sentido da iniciativa e espírito emprendedor

Proponse unha metodoloxía baseada nun traballo práctico e na que o alumnado é o protagonista e o centro da súa propia aprendizaxe, que será activa, cooperativa e significativa. Para iso, a relación entre o centro educativo e a súa contorna máis próxima estará presente diariamente.

A metodoloxía baséase en proxectos, que partirán da participación real e efectiva do alumnado na aula. Serán elas e eles quen tomen as decisións e se arrisquen.

O papel do profesorado no proceso será ofrecer apoio e asesoramento e propoñer retos.

Cada actividade será un novo desafío que comezará coa análise para extraer conclusións, tanto en grupo coma de forma individual.

Advertisements